Dólar Gobrecht
Dólar Gobrecht | |
---|---|
Liberdade sedente. Data no exergo. | Aguia calva erguendo o voo.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA · ONE DOLLAR. |
|
O dólar Gobrecht foi a primeira moeda de prata con valor facial dun dólar emitida para a súa circulación pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, logo do cesamento da emisión deste valor en 1806. Esta moeda cuñouse en pequenas tiraxes entre 1836 e 1839 para determinar se a reintrodución do dólar de prata tería un bo acollemento por parte da poboación.[1][2]
En 1835, coa renuncia do director da Casa da Moeda dos EEUU, Samuel Moore, asumiu o cargo Robert Maskell Patterson, quen axiña planeou o redeseño das moedas nacionais. Logo do ictus sufrido ese mesmo ano polo gravador xefe da ceca, William Kneass, contratouse a Christian Gobrecht como gravador. O 1 de agosto, Patterson escribiulle unha carta ao artista de Filadelfia Thomas Sully, na que lle expuña o seu proxecto para unha nova moeda dun dólar, e tamén lle pediu ao debuxante naturalista Titian Peale que deseñase a moeda. Sully propuxo un deseño do anverso que amosaba unha representación da Liberdade sedente e Peale encargouse do reverso, que representaba unha aguia erguendo o voo. Logo de creados os deseños e realizadas as correspondentes probas, Gobrecht púxose a traballar na redefinición dos deseños propostos e na produción dos cuños, que comezou en setembro de 1836.
Despois da posta en circulación dunha pequena tiraxe, a Casa da Moeda recibiu queixas sobre o lugar prominente do nome de Gobrecht, o gravador, no dólar, e o deseño modificouse para incorporar o seu nome nunha posición menos visible. En xaneiro de 1837, o padrón legal para a porcentaxe de metal precioso en moedas de prata cambiouse de 89,2 % a 90 %, e os dólares Gobrecht cuñados despois desta variación reflectiron a nova proporción. En total, cuñáronse 1.900 dólares Gobrecht durante esta etapa de produción oficial, aínda que na década de 1850 os funcionarios da ceca volveron cuñar esta moeda sen autorización.
A cuñaxe dos novos dólares da serie coñecida como "liberdade sedente", que utilizaba o mesmo deseño do anverso que o dólar Gobrecht, comezou a producirse en 1840.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Dólar de 1804
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dólar de 1804.
Os primeiros dólares de prata cuñados pola US Mint emitíronse en 1794. En 1804, a ceca estadounidense finalizou extraoficialmente a produción de dólares de prata, xa que moitas das moedas cuñadas acabaran por exportarse, dado o seu contido de prata, a Asia Oriental, especialmente a Cantón, na China.[4] En 1806, o daquela secretario de Estado, James Madison, emitiu unha orde para deter oficialmente a cuñaxe das moedas.[5] En 1831, o presidente do país, Andrew Jackson, permitiu novamente a produción de moedas dun dólar de prata por petición do director da Casa da Moeda, Samuel Moore, que percibira a chegada aos EEUU dunha importante remesa de reais de oito españois procedentes de Cantón.[6][7]
Non se tomaron máis medidas ata o verán de 1834, cando os altos funcionarios suxeriron que se preparasen diversos xogos de moedas con acabamento especial (proof) como agasallo para os dignatarios asiáticos. Logo de examinar os rexistros da Casa da Moeda, o persoal concluíu erroneamente que os derradeiros dólares cuñados do tipo "busto drapeado" estaban datados en 1804, polo que elixiron esa data para as moedas.[8] Descoñécese por que non se utilizou a data real, mais o historiador numismático R. W. Julian suxire que as moedas tiveron datas anteriores para evitar que os coleccionistas se molestasen ao non poderen obter moedas acabadas de datar, as cales se cuñaron en cantidades moi pequenas.[5] Ignórase a cantidade exacta de dólares de 1804 cuñados, aínda que se coñece a existencia actual de oito exemplares.[7][8]
Deseño
[editar | editar a fonte]Un ano máis tarde, en 1835, na Casa da Moeda comezaron os preparativos para unha serie de moedas dun dólar de prata que, de xeito diferente ao dólar de 1804, estaban destinadas a entrar en circulación, aínda que en pequenas cantidades, co propósito de determinar se serían ben recibidas pola poboación. En xuño de 1835, Moore renunciou ao seu posto como director da ceca e foi substituído por Robert M. Patterson.[9] Pouco despois, Patterson tomou contacto con dous coñecidos artistas de Filadelfia, Titian Peale e Thomas Sully, para lles encargar un deseño que debía ser usado na maior parte das moedas estadounidenses en produción.[10]
O daquela gravador xefe da Casa da Moeda, William Kneass, preparou un esbozo baseado na idea que Patterson lle transmitira, mais ao pouco tempo sufriu un accidente cerebrovascular que o deixou parcialmente incapacitado.[11] Como consecuencia deste impedimento, o Goberno aprobou a solicitude urxente de Patterson de que se contratase axiña o medallista de Filadelfia Christian Gobrecht, para exercer as funcións de gravador das que non se podía ocupar Kneass.[9]
Patterson propuxo nunha carta datada o 1 de agosto de 1835 que Sully crease unha figura da Liberdade para o anverso, e suxeriu que a figura estivese "nunha postura sentada, por exemplo, sobre unha rocha". Tamén suxeriu que a figura debería soster na súa man dereita un píleo sobre un poste, a modo de "emblema da liberdade".[12] O historiador numismático Don Taxay sinalou a similitude entre o concepto da Liberdade sedente de Patterson e os deseños que xa se utilizaban nas moedas de cobre británicas: "A Liberdade xurdiu como unha Britania renovada; o seu tridente foi substituído por un bastón e un píleo".[11] Na mesma carta, Patterson tamén informou a Sully da súa idea para o reverso, que Peale levou a cabo: "Propoño unha aguia voando, e erguéndose en voo en medio dunha constelación, irregularmente espallada, de 24 estrelas [representa o número dos estados que daquela conformaban a Unión], e levando nas súas gadoupas un pergameo coas palabras E pluribus unum".[10]
Patterson prefería unha aguia en voo porque cría que a aguia heráldica comunmente utilizada nas moedas estadounidenses era unha "simple criatura imaxinaria",[10] e que non resultaba atractiva como deseño. Consonte unha historia popular, a aguia voadora que se ve no dólar de Gobrecht está inspirada en Peter, a aguia mascota da Casa da Moeda, que se disecou logo da súa morte ao quedar atrapada nunha prensa de cuñaxe, e que aínda hoxe permanece en exhibición nas instalacións da ceca en Filadelfia.[13]
En setembro de 1835, Thomas Sully recibiu de Patterson un conxunto de moedas e medallas británicas para que lle servisen de inspiración en tanto que creaba o deseño da Liberdade sedente. A principios de outubro, Sully envioulle a Patterson tres esbozos en borrador que lle foron entregados a Gobrecht, quen pola súa vez se dispuxo a realizar un gravado en cobre do deseño. Gobrecht completou o gravado o 14 de outubro e Patterson presentou as impresións creadas a partir deste a varios altos funcionarios do Goberno co fin de obter a súa aprobación. O presidente Jackson, o secretario do Tesouro, Levi Woodbury, e o resto do gabinete aprobaron o deseño.[14]
O 17 de outubro de 1835, mentres Jackson e o seu gabinete estaban a revisar o deseño, Woodbury escribiulle a Patterson outorgando o permiso para continuar coa creación de matrices para as novas moedas baseadas nas impresións realizadas.[14] En xaneiro de 1836 leváronse a cabo probas en metal brando e estas pezas distribuíronse despois entre a poboación para recibir suxestións. Patterson autorizou logo a produción dun cuño do anverso en aceiro, mentres que o reverso aínda non se puido crear porque Peale tiña pendente completar o seu deseño a satisfacción de Patterson. En tanto que Peale continuaba con este labor, Gobrecht comezou xa a traballar no deseño dun dólar de ouro, que ocupou gran parte do seu tempo. O 9 de abril, Patterson escribiulle unha carta ao secretario do Tesouro na que incluía varios dos debuxos de Peale. Patterson considerou un dos deseños como o mellor creado ata a data.[15] Malia a aprobación do deseño por parte do director, indicoulle a Peale que continuase ata que Patterson estivese satisfeito. Evidentemente, isto logrouse, porque Patterson fixo que Gobrecht comezase a traballar nunha matriz inversa en xuño. En agosto, Patterson envioulle a cuñaxe dunha cara da matriz inversa ao presidente Jackson, quen aprobou os deseños de ambas as caras da moeda.[16]
Produción
[editar | editar a fonte]En setembro de 1836, o xefe de cuñaxe, Adam Eckfeldt, comezou o gravado dos cuños que se utilizarían para cuñar as moedas.[16] No entanto, antes de que comezase a produción, Patterson ordenou que o nome de Gobrecht aparecese inscrito no dólar, e deste xeito incluíuse o texto C. GOBRECHT F (abreviatura de Christian Gobrecht Fecit: "Fíxoo Christian Gobrecht"). O dólar de Gobrecht foi cuñado por primeira vez pola Ceca de Filadelfia en decembro de 1836,[17] e inicialmente producíronse e distribuíronse varias unidades por toda a cidade. Malia a positiva recepción do deseño en xeral, moitos usuarios criticaron a rechamante presenza do nome do gravador na moeda,[16] e mesmo o propio Gobrecht solicitou que este texto se eliminase por completo do anverso; porén, o gravador recibiu instrucións de Patterson non para eliminalo senón para diminuír o seu tamaño e cambiar a súa situación, para non resultar tan destacado.[18][19]
Cando comezou a produción en serie, a aguia do reverso estaba rodeada por 26 estrelas en lugar das 24 que Patterson lle solicitara orixinalmente a Sully, para reflectir que os estados de Arcansas e de Míchigan foran admitidos como novos membros da Unión. Algúns dos dólares de Gobrecht emitiron co aliñamento característico das medallas, o que implica que as imaxes do anverso e do reverso estean orientadas cara a arriba cando se xira a moeda arredor do seu eixe vertical. Para a produción de 1837 —que mantivo a data de 1836— Patterson ordenou que as moedas se cuñasen co aliñamento característico das moedas (coincidindo co xiro sobre o eixe horizontal).[20]
Unha lei do 18 de xaneiro de 1837 cambiou oficialmente a proporción legal para as moedas de prata, do 89,2 %[21] ao 90 % de metal puro.[22] O historiador numismático Walter Breen afirma que esas pezas cuñadas antes da aprobación da devandita lei son tecnicamente padróns (moedas creadas para probar o seu deseño, a súa composición ou outros aspectos, non para seren usadas), xa que non foran autorizadas polo Congreso.[23] En total, cuñouse un milleiro de pezas con data de 1836 co 89,2 % de prata, e 600 co 90 %. Os dólares Gobrecht emitidos antes da aprobación da lei pesaban 26,96 gramos (0,951 onzas), en tanto que os que se cuñaron máis adiante pesaban 26,73 gramos (0,943 onzas).[21] En 1838 modificouse o deseño para eliminar as estrelas do campo do reverso. Durante o ciclo de produción, cuñáronse varios padróns de dólares Gobrecht, con algunhas diferenzas con respecto ás emisións regulares. Cuñouse unha pequena cantidade coa data de 1838 que non levaba impreso o nome de Gobrecht en ningures. En total, emitíronse 300 dólares deste tipo con data de 1839 para a súa circulación, todos con aliñamento de medalla.[24]
A cuñaxe de ensaio de Patterson fora un claro éxito e a produción a grande escala do seu seguinte dólar, coñecido como "dólar da Liberdade sedente", comezou en 1840.[25] Para este novo dólar utilizouse un deseño do anverso baseado no do dólar Gobrecht, aínda que o reverso se modificou, de maneira que en lugar da aguia erguendo o voo se utilizou unha aguia heráldica.
Versións
[editar | editar a fonte]KM [26] | Imaxe: anverso / reverso | Ano | Cantidade | Canto | Anverso | Reverso |
---|---|---|---|---|---|---|
59.1 | 1936 | 1000 | Liso | Liberdade sedente. Texto C. GOBRECHT F. na base. | Aguia voando entre estrelas. | |
59.2 | 1936
Recuñaxe |
- | Liso | Liberdade sedente. Texto C. GOBRECHT F. na base. | Aguia voando en campo liso. | |
59a.1 | 1936 | 600 | Liso | Liberdade sedente. Texto C. GOBRECHT F. na base. | Aguia voando en campo liso. | |
59a.2 | 1936
Recuñaxe |
- | Estriado | |||
59a.3 | 1839 | 300 | Estriado | Liberdade sedente, sen o nome do deseñador na base. | Aguia voando en campo liso. | |
59a.4 | 1839
Recuñaxe |
- |
Recuñaxes
[editar | editar a fonte]Logo dun incremento no coleccionismo de moedas por parte de particulares a partir de mediados do século XIX, xurdiu unha demanda considerable das moedas estadounidenses máis antigas. O director da Casa da Moeda, James Ross Snowden, comezou a vender novos dólares Gobrecht e a trocalos por medallas raras (especialmente as relacionadas co expresidente George Washington), que logo se incluíron na Colección Numismática National dos EEUU, daquela coñecida como "Gabinete de Moedas". Os cartos recadados pola venda das reacuñaxes destinouse á adquisición de novas pezas para esa colección pública.[14]
É probable que as reemisións creadas baixo o mandato de Snowden fosen cuñadas en 1859 e 1860, e esta práctica foi en grande medida suspendida por mor dun escándalo público: outros empregados da Casa da Moeda estiveron cuñando e vendendo recuñaxes das primeiras moedas estadounidenses para o seu propio beneficio.[14] Todos os dólares Gobrecht reemitidos, cando se inclinan sobre o seu eixe, representan unha orientación diferente no volo da aguia do reverso, en lugar de se dirixir cara a arriba, tal como aparece nas moedas cuñadas durante a produción oficial.[27] Descoñécese por que se alterou a orientación da aguia, aínda que moitos numismáticos cren que Snowden fixo isto intencionalmente para facer que as recuñaxes se distingan dos orixinais. O historiador numismático Walter Breen suxire que o director da ceca simplemente usou o aliñamento porque era o mesmo que o empregado no centavo Flying Eagle ("aguia en voo"),[27] que comezou a producirse en 1856.[28] O gravador da ceca James B. Longacre, o deseñador dese centavo, tomara prestado o reverso da aguia de Gobrecht e Peale para o anverso da súa moeda.[29]
Valor numismático
[editar | editar a fonte]Malia seren emitidas en cantidades moi pequenas, chegaron a nós exemplares abondo para constituíren series completas coleccionables, e o seu prezo, de xeito diferente ao dos dólares co busto do cabelo solto (Flowing Hair) e os do busto drapeado (Draped Bust), rara vez superan os 100.000 dólares.[30][31] Un exemplar de 1839, clasificado como "Proof 64" por Professional Coin Grading Service (PCGS), foi adxudicado por 51.700 dólares o 24 de maio de 2016 nunha poxa de Stack's Bowers Galleries e Sotheby's.[30] Na mesma poxa, outro exemplar de 1838 en idéntico estado de conservación acadou os 82.250 dólares.[32] Así mesmo, durante outra poxa do mesmo ano da casa Stack's, unha peza de 1836 clasificada como "Proof 65", logrou o récord de 129.250 dólares, superando amplamente as estimacións iniciais, que a situaban entre os 70.000 e os 100.000 dólares.[33]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Garret, J. (2020) Arquivado 24 de maio de 2021 en Wayback Machine..
- ↑ "Gobrecht Dollars (1836-1839)". Numismatic Guaranty Corporation.
- ↑ "1 Dollar "Draped Bust Dollar" Heraldic eagle". Numista.com
- ↑ Julian, R. W. (1993). Páxinas 431-432.
- ↑ 5,0 5,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 431.
- ↑ Julian, R. W. (1993). Páxina 432.
- ↑ 7,0 7,1 Brothers, E. (2016). "The King Among Rarities: A Brief History of the United States 1804 Dollar". En Coin Week. 12 de setembro.
- ↑ 8,0 8,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 433.
- ↑ 9,0 9,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 495.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 496.
- ↑ 11,0 11,1 Taxay, Don (1983). Páxina 171.
- ↑ Julian, R. W. (1993). Páxina 499.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 46.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Julian, R. W. (1993). Páxina 498.
- ↑ Julian, R. W. (1993). Páxina 502.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 Julian, R. W. (1993). Páxina 503.
- ↑ Taxay, Don (1983). Páxina 172.
- ↑ Adams, E. H.; Woodin, W. H. (1913). Páxina 9-10.
- ↑ "1836 Gobrecht Dollars: All Varieties. Early Silver Dollars". En USA Coin Book.
- ↑ Julian, R. W. (1993). Páxina 504.
- ↑ 21,0 21,1 Yeoman, R. S. (2010). Páxina 212.
- ↑ United States Congress (1837). "Act of January 18, 1837".
- ↑ Breen, W. (1988). Páxina 67.
- ↑ Yeoman, R. S. (2010). Páxina 213.
- ↑ Yeoman, R. S. (2010). Páxina 214.
- ↑ Referencia do catálogo Krause, C. L.; Mishler, C. (2004).
- ↑ 27,0 27,1 Julian, R. W. (1993). Páxina 506.
- ↑ Yeoman, R. S. (2010). Páxina 109.
- ↑ Taxay, Don (1983). Páxina 239.
- ↑ 30,0 30,1 Roach, S. (2016). "Pogue's 1839 Gobrecht dollar brings $51,700 Arquivado 27 de setembro de 2021 en Wayback Machine.". En Coin World. 12 de xuño.
- ↑ Yeoman, R. S. (2010). Páxina 211.
- ↑ Roach, S. (2016). "1838 Gobrecht dollar part of complex collecting area Arquivado 27 de setembro de 2021 en Wayback Machine.". En Coin World. 14 de xuño.
- ↑ Roach, S. (2016). "What did the priciest Pogue Gobrecht dollar sell for? Arquivado 27 de setembro de 2021 en Wayback Machine.". En Coin World. 14 de xuño.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dólar Gobrecht |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adams, E. H.; Woodin, W. H. (1913). United States Pattern, Trial and Experimental Pieces. American Numismatic Society. Nova York.
- Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
- Garret, J. (2020). "Gobrecht Silver Dollars .The Most Misunderstood Coin Arquivado 24 de maio de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Week. 26 de marzo.
- Julian, R. W. (1993). Silver Dollars & Trade Dollars of the United States. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 0-943161-48-7
- Krause, C. L.; Mishler, C. (2004). Standard Catalog of World Coins: 1801-1900. (4th ed.). Krause Publications. ISBN 0873497988
- Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-1972-9
- Taxay, Don (1983) [1966]. The U. S. Mint and Coinage. Sanford J. Durst Numismatic Publications, Nova York. ISBN 978-0-915262-68-7
- United States Congress (1837). "Act of January 18, 1837". United States Mint.
- Yeoman, R. S. (2010). A Guide Book of United States Coins. 63ª ed. Whitman Publishing, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2767-0
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Christian Gobrecht
- Moeda dun dólar estadounidense
- Moedas do dólar estadounidense
- Dólar da Liberdade sentada
- Casa da Moeda dos Estados Unidos
Predecesor: Dólar do busto drapeado |
Moeda dun dólar estadounidense 1836 - 1839 |
Sucesor: Dólar da Liberdade sentada |